08
FEB
2021

XORNADA MUNDIAL DO ENFERMO:



 
11 de febreiro de 2021. Festividade da Nosa Señora de Lourdes Carta e entrevista ao delegado diocesano de Pastoral da Saúde e materiais oficiais da xornada O día 11 de febrero, coincidindo coa festividade da Nosa Señora de Lourdes, celebramos a Xornada Mundial do Enfermo. O papa Francisco, na súa mensaxe con este motivo, proponnos unha reflexión con este título: “Un só é o voso mestre e todos vós sodes irmáns (Mt 23,8)”. A relación de confianza, fundamento do coidado do enfermo. Quixera compartir con todos algunhas ideas ó respecto: - O coidado dos enfermos implica un “encontro” entre vulnerables; por un lado, a fraxilidade do doente e por outro, a propia de quen “se achega e se fai cargo del”. Non asumir a propia vulnerabilidade colócanos nunha situación de artificial superioridade, escasa humanidade e lonxe da tan necesaria empatía e de auténtica compaixón. - A enfermidade nunca é unha sorte de castigo ou condena imposta por Deus; non reflicte o Seu afastamento e moito menos a Súa indiferenza. É unha oportunidade real de encontro, apoio, sanación e consolo para atoparse co Pai Bo, que só quere o noso ben, e garda dos Seus fillos con Amor e Misericordia. - A cercanía ó mundo dos que sofren, comeza por poñerlles nome e rostro a cantos se topan nesta situación. Unha cercanía persoal (de cada un de nós) pero tamén comunitaria, entendendo así a Igrexa, a Unidade Pastoral, como unha comunidade sanadora. - A saúde é un ben común do que todos debemos sentirnos corresponsables. - “Servir significa coidar ós fráxiles da nosa familia, da nosa sociedade, do noso pobo” (Homilía del papa Francisco en La Habana, 20 de setembro de 2015). Este “servizo” nunca é ideolóxico, pois nin entende nin atende a ideas, senón a “persoas”. - A atención á saúde require dun enfoque global ou holístico, que abrangue tódalas dimensións da persoa (física, psíquica, emocional, relacional, espiritual, valórica). As relacións interpersoais que se establecen no ámbito terapéutico ten que fundamentarse na confianza, no respeto, na honestidade e na disponibilidade; poñendo a persoa do enfermo e a súa dignidade no centro. - As curacións realizadas por Xesús e narradas nos Evanxeos non son xestos máxicos extraordinarios, senón que deben ser entendidos como froito dun “encontro”, dunha “relación interpersoal”, na que o don de Deus que ofrece Xesús, é correspondido pola fe de quen o acolle; como resume o mesmo Xesús tanatas veces: “A túa fe é a que te salvou”. - Todos estamos chamados a concretar o mandamento do Amor na nosa relación cosa enfermos e no seu coidado; con especial atención a aqueles máis esquecidos e esgotados á beria do camiño (Bo Samaritano). - Somos máis humanos canto máis e mellor sabemos coidar dos fráxiles e vulnerables. Partindo da mensaxe do papa Francisco, o departamento de Pastoral da Saúde da Conferencia Episcopal Española, coa campaña e co lema “Coidémonos mutuamente”, colócanos a todos en camiño como discípulos misioneiros e sanadores, responsables da nosa saúde e da dos demáis. O recoñecemento, o respeto e a confianza son os valores sobre os que se constrúe de maneira efectiva e afectiva, a tarefa de acompañamento e sanación, levando a tenrura de Deus a quen sofre. A pandemia da COVID 19, que desde fai case un ano nos bate con dureza, tennos arrebatado con crueldade moitas vidas e posibilidades, deixándonos ao tempo regueiros de sofrimento, soidade e incerteza. Na intemperie da dificultade cobran especial sentido as palabras de Xesús: “Non estades sos”, “Eu estarei con vós tódolos días ata o fin do mundo”. Crer isto implica tamén confiar; para seguir actuando no medio deste mundo con firme convicción, rotunda seguridade e alegre esperanza. Estimados sacerdotes, capeláns, relixiosas e relixiosos, consagrados e laicos; sabemos que a Pastoral da Saúde ten como compromiso e misión o mandato evanxélico “Ide e Curade…”. Esta chamada é ineludible; convócanos e convídanos ao desafío pastoral de encarnarnos en dúas realidades concretas e íntimamente relacionadas: - A enfermidade; na que debemos actuar como acompañantes, sanadores e samaritanos. - A saúde integral e en plenitude; que sempre debemos procurar, promover e defender como don e obxectivo, con responsabilidade e decisión. Neste tempo complexo, pero tamén tempo de gracia, anímovos a ser creativos e audaces para deseñar e promover estratexias misioneiras; garantindo a cercanía da Igrexa por medio da oración, a presenza, o acompañamento e os Sacramentos Sanadores (Perdón, Eucaristía, Unción de Enfermos). Atoparedes na marxe desta páxina os materiais que pon á nosa disposición o departamento de Pastoral da Saúde da Conferencia Episcopal Española (carteis, estampas, documentos, subsidio litúrxico). Son sinxelos instrumentos que poden inspirarnos ó longo deste período; pero nunca deben ser limitantes do inxenio nin das iniciativas particulares que poidamos despregar, para prestar do mellor xeito o servizo de atención ós enfermos, nos diferentes ámbitos. Convídovos a ter algunha celebración especial, tanto na Xornada do Enfermo (11 de febreiro) como na Pascua do Enfermo (9 de maio), coa necesaria adecuación ás circunstancias, poñendo especial atención en xestos concretos de cercanía e esperanza. Con este desexo, quedo á vosa disposición para o que necesitedes. Baixo a protección amorosa da Nosa Señora de Lourdes e ao seu maternal coidado encomendamos a tódolos enfermos, familiares e sanitarios. O señor nos bendiga e nos garde. Moitas grazas Unha fraternal aperta José Luis Fernández Fernández
Delegado episcopal de Pastoral da Saúde
Diocese de Mondoñedo-Ferrol  

 


Escribir un comentario

No se aceptan los comentarios ajenos al tema, sin sentido, repetidos o que contengan publicidad o spam. Tampoco comentarios insultantes, blasfemos o que inciten a la violencia, discriminación o a cualesquiera otros actos contrarios a la legislación española, así como aquéllos que contengan ataques o insultos a los otros comentaristas.

Página web desarrollada con el sistema de Ecclesiared

Aviso legal | Política de privacidad | Política de cookies